martes, 10 de julio de 2012

De minas e leite.

Non están as cousas para acobardarse, pero tampouco para mirar cara adiante sen observar o que semella virnos enriba, envalentonándonos e obrando de xeito case irracional.
He aí os mineiros, homes traballadores, persoas que rompen o lombo gañando o pan para dar de comer aos fillos. Moitos son mineiros dende antes de nacer, destinados a seguir cunha profesión herdada dos pais, avós e mesmo bisabós. Baixan ás minas, esquecen por momentos a luz do Sol, expóñense a enfermidades respiratorias e á posibilidade de morrer sen poder ser socorrido. Agora, o goberno quítalles as subencións que viñan mantendo en pé o entramado mineiro e protestan. Por que? Porque queren que se cumpla a palabra dada, queren que se conserven os seus dereitos. Pero tamén porque poden. Cuns soldos elevadísimos, podendo xubilarse a partir dos corenta, estes homes e mulleres están cortando as estradas onde outros gañan a vida. Onde está aí o respeto? Os dereitos dun rematan onde comezan os dos outros. Eles poden permitirse esta marcha porque seguramente os aforros llelo permitan. Que hai dos camioneiros, expostos aos perigos da estrada, que cobran moito menos e que ven aumentar as dificultades para realizar o seu traballo? Que hai do resto as persoas que viaxan por motivos de traballo (que aínda conservan ou non) ou  de familia)?
Moitos gandeiros da miña zona, levan meses sen cobrar o leite. Meses nos que tiveron que seguir facendo negocios, comprando e vendendo vacas, sanando ás enfermas e pelexando para dárlles de comer. Se se arriscaran a cambiar de leitería, perderían todo o que lles deben. Cando España entrou na UE, estes homes e mulleres viron como o seu modo de vida se vía perxudicado. Non obstante, tamén gozaron de numerosas subencións que case ningún soubo administrar de xeito adecuado. Protestaron cando baixou o prezo do leite (que segue subindo nos supermercados) con marchas similares ás que están levando a cabo os mineiros, forn a Santiago cos seus tractores, tiraron o leite que non quería vender de xeito inxusto para eles... e de nada lles serviu.
As mariscadoras das nosas costas son unhas loitadoras. Coma elas, todos os pescadores e traballadores do mar. Pero tampouco teñen unha vida exenta de malos tragos, de visitas da morte e de perigos aos que tan só os máis expertos (e ás veces nin sequera estes) poden facer fronte. A súa situación é similar á de tantos e tantos traballadores que ven como os seus dereitos se reducen en vistas dunha mellora futura. Será esto certo?
A xustiza non existe. Existe o traballo común que nos favorece a todos, os administradores eficientes, a loita conxunta. Existen as persoas que se axudan. Exiten as que non se queren deixar pisar e, que sen embargo, pouco poden facer. Existen ricos moi ricos que cada día o son máis e pobres aos que pretenden ofuscar, desinformar, enganar, controlar. Existen engana-bobos mentireiros que van a por todo, a por todos. Existe un mundo onde non existe a xustiza, o que fai que moitos a intenten buscar pola súa propia man, enfrontándose a aqueles cuxa forza é moi superior.

Por último, gustaríame facer unha referencia á Castela do sur. Que é eso de regular a caza de xabalís con lanzas e cabalos? Acaso non son capaces de ver a crueldade destes actos? Os animais sofren coma os toros aos que os cobardes "toreros" matan entre vítores dun público que non é a miña España. Son muller de campo e, coma tal, gústame que se coiden os animais e os respeten até o día da súa morte. Denigralos así (aínda que eles non comprendan o que eso conleva) é unha salvaxada propia do máis irracional de todos os seres.

No hay comentarios:

Publicar un comentario